
.png)

Desde o ano 2018, por iniciativa do Concello do Grove, comezou unha investigación que tiña por obxectivo localizar a obra pictórica de Ernesto Goday Caamaño como unha estratexia para a posta en valor da súa traxectoria no campo das artes plásticas.
A ausencia de bibliografía específica sobre a súa figura dentro da historia da arte galega e o desafortunado esquecemento do seu legado artístico foron algúns dos factores que motivaron a necesidade de salvagardar a obra dun artista ata o momento inexplorada e desconectada do seu contexto.
Goday: fragmentos da vida e obra supón a compilación de todo ese estudo documental, sobre o que se apoia o discurso narrativo da exposición. A partir dunha estrutura cronolóxica, emerxe un relato enfocado na súa traxectoria artística; á luz dos primeiros debuxos e bosquexos dun novísimo pintor, ata a reprodución das obras nos temas e xéneros máis distinguidos da súa carreira. O apoio visual que ofrece o material documental seleccionado para a exposición, é fundamental para o entendemento do seu facer dentro das artes plásticas, máis tamén para acreditar o alcance da súa obra a nivel nacional e internacional. Moitos dos documentos que integran esta mostra ( fotografías, apuntes, notas de prensa, cadernos, cartas, etc.) foron decisivos para a localización da súa obra.
Ademáis das recoñecidas mariñas e mariñeiros, aparecen nesta exposición, composicións, bosquexos e estudos que fan gala da multiplicidade de estilos e técnicas que o pintor cultivou ao longo dos anos, especialmente a produción dos anos sesenta, unha etapa descoñecida pero quizáis das máis prolíferas, experimentais e categóricas de toda a carreira artística de Goday, na que conxuga as ensinanzas da academia con leves toques de cubismo. Destaca tamén a reprodución de retratos dentro da exposición por comprender un xénero no que destacou de forma singular e foi decisivo na súa formación académica, ademáis da predilección que o propio artista mantiña co tema figurativo dende moi novo.
Fragmentos da vida e obra é un percorrido polo pasado a través dos ollos dun artista que espallou o retrato da sociedade marinera do seu tempo ao mundo coa mestría da súa técnica de luz e cor, sen máis literatura que a propia cotidianidade que representa, e con valor de testemuño.
Presentación
Fragmentos da vida e obra

Exposición monográfica ao aire libre
O Grove
(Agosto-Outubro 2021)


Ernesto Goday. Fragmentos da vida e obra
Ernesto Goday. Vida e obra


Ernesto Goday Caamaño, nace na vila do Grove no ano 1914. Case de maneira innata, iníciase no debuxo e na talla en madeira dende moi cativo grazas ao seu mentor e tío, Francisco Otero Goday, quen lle concedeu as bases técnicas para comezar a súa longa traxectoria no universo das artes plásticas.
Os primeiros exemplos de debuxos e pinturas dun novísimo pintor, transcorren sobre o escenario costumista da vida no mar, os traballos e as xentes dos pobos do litoral galaico que Goday percorre para retratar nuns pequenos cardernos de debuxos, os apuntamentos ao natural. Práctica que xamáis abandonou.
O posterior achado dos clásicos da pintura europea; Rubens, Rembrandt, Van Dyck, ou a gran pegada dos españois Velázquez, Murillo, El Greco ou Goya, integrarán no xenio creador de Goday a exemplar habilidade para recrear as luces, as sombras e as cores da realidade, así como para a representación da figura humana nun xénero que destacará sobre todos os demáis, o retrato.
No ano 1948 parte a Madrid na busca de formación académica, alí comezará as clases de debuxo e pintura na Real Academia de Belas Artes de San Fernando e no Círculo de Belas Artes, ademáis das case diarias visitas ao Museo do Prado para reproducir as obras dos mestres da pintura occidental. Para o propio Goday, estas tres institucións marcaron a sólida formación nas artes plásticas, que sustentou a súa obra próxima e a entrada do pintor nos certames nacionais máis distinguidos das Belas Artes; as Exposición Nacionais e os Salóns de Outono.
Da súa formación nos círculos artísticos da capital, absorverá os cánons clásicos e a soltura de plasmar fielmente os elementos da natureza. As viaxes por pola meseta castelá, o Levante e Andalucía convertéronse nunha actividade constante de capturar as luces e as cores das paisaxes para plasmalas, posteriormente, sobre os lenzos.

Pero será Galicia o aliciente evocador dun estilo que foi asimilando de moitos outros referentes e que conxugará con mestría para representar a súa identidade e recoñecerse na súa cultura. As escenas da vida no mar e os seus protagonistas marcaron na súa obra o punto diferencial do valor antropolóxico, histórico e artístico do legado material e inmaterial que Goday deixou na vila do Grove.
"Fragmentos da vida e obra" é un achegamento á obra pictórica de Ernesto Goday no concilio dunha longa existencia dedicada á arte. O seu legado é un documento do tempo, é testemuño e á vez é memoria que enlaza o material do obxecto artístico creado coa natureza intanxible que representa. A súa idea da arte emerxe ao servizo dos ritos e das percepcións que as comunidades do litoral galego desenvolveron ao longo do tempo para expresar o mundo que o rodea e o mar, como musa e guía dun incansable espírito creador.

Galicia para mí, artísticamente, me ha dado la variedad sorprendente y maravillosa de su color, el verde infinito, la humanidad de sus hombres, la realidad de sus vidas. Elementos que han sensibilizado mi personalidad.
​
​
Ernesto Goday, 1964.

Proximamente